Conferencia de Xesús Alonso Montero. Textos filocomunistas de Castelao no trienio da Guerra Civil
CONFERENCIA DE XESÚS ALONSO MONTERO
TEXTOS FILOCOMUNISTAS DE CASTELAO NO TRIENIO DA GUERRA CIVIL
O vindeiro martes, 18 de novembro, ás 19 horas, na sede da Fundación Penzol na Casa Galega da Cultura de Vigo, o profesor Xesús Alonso Montero, catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela e padroeiro da Fundación Penzol, disertará sobre “Textos filocomunistas e prosoviéticos de Castelao no trienio da Guerra Civil, nomeadamente en 1938, o ano en que Castelao viaxou pola Unión soviética durante vinte e seis días”.
Tratará na súa intervención das súas colaboracións na revista Nueva Galicia; dos vinte e seis días da súa viaxe á URSS en maio de 1938; sobre o porqué dos vocábulos “filocomunismo” e “prosovietismo” e se achegará ao Castelao posterior á Guerra Civil.
A conferencia enmárcase nas actividades que a Fundación Penzol desenvolve ao longo deste 2025 con motivo do Ano Castelao.
